Camiño Real
O Camiño segue un percorrido ascendente pasando polos lugares de Casabranca, Estaladoira, e preto dos Acibeiros, antes de chegar ó Busto toma dirección á Armada, continuando o seu ascenso, xa na parroquia de Sta. Olalla de Lagos. Atravesando o Monte da Medorra e o de Trandeira, chégase ó lugar de Galegos, fin de etapa neste percorrido onde había posta.
É tradición repetida en toda a zona, que a raíña Urraca se aposentou no Mesón Real ou Casa Real de Galegos. Seguindo o discorrer do Camiño, unha vez atravesado o río Armiela ou Galegos e logo de cruzar a estrada de Becerreá a Ventas de Narón , que conduce a Sarria, en dirección Sur, éste ascende nunha das súas variantes cara o Monte de Leirado, hoxe por unha pista que permite o paso de vehículos, e que antes era unha “corga”.
A continuación atravesa unha pequena meseta que separa os vales do Neira e do Armiela, por terreos de monte baixo e, pasado o Monte de Leirado, descende cara o Val do Neira, deixando á dereita o fértil val de Láncara. Despois de atravesar o río Armiela por terreo de val e pasando polo centro do pobo de Sta. Mª da Lama, chegamos á Ponte de Carracedo, unha fermosa ponte medieval , recentemente restaurada. O uso da ponte cónstanos que era frecuente no século XVIII, como punto de encontro do correo procedente de Sarria, Monforte e Ourense, co resto de Galicia para dende alí ser enviado á corte de Castela. Tamén foi utilizada polo padre Sarmiento na súa viaxe a Galicia no 1745.
Unha vez atravesada a ponte medieval, o Camiño segue augas abaixo do río Neira, pola súa marxe dereita, atravesando por fermosas paraxes de vexetación abundante e pradería sempre verde, regada por múltiples quenllas que saen de encoros que remansan o seu curso.
Continuando a nosa viaxe chegamos ó lugar de Neira de Rapados, onde encontramos á nosa dereita un singular pazo, hoxe dividido en vivendas de labradores, pero mantendo as propiedades que circundan a edificación. Segundo a tradición este pazo tamén foi pousada de cabaleiros que viñan dende a corte con dirección á Coruña.
A pouca distancia deste pazo atopámonos a “Casa das Agrolazas”, chamada así por ter unha gran extensión de terreo ó seu redor e pertencente entre outros a Antonio López Quiroga y Somoza, entre finais do S. XIX e comezos do XX.
Aquí iniciamos un longo e demorado ascenso en dirección a S. Pedro de Bande, atravesando un paisaxe na que afloran numerosas penas graníticas moi redondeadas pola erosión, dando lugar a paisaxes moi suxerentes.
Dunha escritura do 23 de xullo de 1778 resulta que á altura das casas de Amado e Mosteiro denomínase á vía “Camiño Real”. Entra o camiño no concello de O Corgo pasado o Monte de Casanova e inmediatamente chega ás beiras do río Tórdea, que é atravesado por unha pequena pero airosa ponte, coñecida como Ponte de Lago e reflexada no mapa de Fontán.